martes, 26 de novembro de 2013

ARTIGOS E CONTRACCIÓNS

O artigo determinado presenta dous tipos de formas. Xunto á forma básica o, a, os, as, temos a chamada segunda forma: lo, la, los, las. Estas formas aparecen por asimilación tras -r ou -s. Aparecen sempre despois da preposición por (fun polo aire, vin polo vento) e do adverbio interrogativo *u (u-lo neno?). Nestes casos o seu uso na escrita é obrigatorio.

Ademais poden usarse de forma optativa na escrita cando seguen inmediatamente unha forma verbal acabada en -r ou -s (dixémo-la verdade) ou dos pronomes clíticos nos, vos e lles (déronlle-la benvida), despois dos pronomes tónicos nós e vós (nó-los dous), de ambos, ambas, entrambos, entrambas, todos e todas (tódalas rapazas), así como da preposición tras (escoitu trala porta) e da conxunción e mais (ti e mailo teu irmán). Hai que ter en conta que non é obrigatoria na escrita, sendo preferibles as formas plenas: dixemos a verdade, déronlles a benvida, nos os dous, todas as rapazas, escoitou tras a porta, etc. Na fala esta é a forma común, agás se hai unha pausa entre a primeira palabra e o artigo.




Na actualidade é habitual non representar a segunda forma do artigo, despois de anos en que parecía obrigatoria, sobre todo na escola. Agora ben, en caso de usar a segunda forma do artigo, é preciso gardar a coherencia na escrita, e sobre todo, deben desterrarse os erros que se ven ás veces nestas formas: *todo-los días (e moito menos *todo-lo día, totalmente inexistente) ou *collémolo coche.

Os artigos determinados aparecen tamén en contraccións con certas preposicións (a, con, de e por), e o seu uso é obrigatorio. No caso da preposición a existen dúas posibilidades: ó e ao, así como os plurais ós e aos. No feminino temos só á e ás. Neste caso é recomendable o uso de ao e aos, aínda que na pronuncia a única posibilidade é un o aberto: [ɔ], igual á de ó.

Ningún comentario:

Publicar un comentario