Algúns
verbos galegos presentan alternancia vocálica nalgunhas formas e iso fai
dubidar moitas veces a algúns falantes. O problema acostuma darse no presente
de indicativo para os verbos da terceira conxugación. Hai que dicir que é moi
común e a maioría dos verbos non ofrece dúbidas, pero nalgúns verbos esa
alternancia é un pouco especial. É o caso de ferir, mentir, seguir, sentir e servir (e os
seus derivados). O presente de indicativo sería sigo, segues, segue, seguimos, seguides, seguen, mentres o imperativo sería sigue, seguide.
O mesmo
ocorre con moitos verbos que teñen u
na raíz, como subir: subo,
sobes, sobe, subimos, subides, soben en presente, e sube, subide en imperativo. Os que se conxugan
deste xeito son acudir, bulir (e rebulir), cubrir (descubrir, encubrir,
recubrir),
cumprir, cuspir, durmir, engulir,
fundir ‘render’,
fuxir,
lucir e
derivados (deslucir,
entrelucir, relucir, translucir, tremelucir), mulir, muxir, pulir, ruxir,
sacudir, subir, sufrir, sumir (consumir
e ensumir), tusir, ulir, urdir,
xunguir,
xurdir.
As
formas verbais con alternancia seguen vivas na fala, sobre todo nalgunhas
áreas, e podemos escoitar:
Que
ben ole esta flor!
Se
sobes por este camiño, chegas axiña.
Eses
rapaces non calan nin cando dormen.
Algúns
falantes senten estrañeza ao ver ou escoitar estas formas, ben pola influencia
do castelán, ben pola tendencia a conxugar os verbos da forma máis regular
posible, é dicir, a manter sempre unha mesma raíz en todas as formas. Así
escoitamos incluso novos infinitivos erróneos como *acoder ou *locer,
que se escoitan ás veces nalgúns medios de comunicación e que debemos
evitar.
Por último
hai que lembrar que pertencen á segunda conxugación verbos como caer (aínda
que se escoite moitas veces *caír), converxer, emerxer, encher,
erguer, esparexer, fender, ferver, premer (espremer), render, repeler, rexer,
toller e xemer.
Hai
que lembrar ademais que pertencen á segunda conxugación os seguintes verbos, e
sobre todo os seus derivados: bater (abater, combater, debater,
rebater),
correr (concorrer, decorrer,
discorrer, escorrer, incorrer, ocorrer, percorrer, recorrer, socorrer,
transcorrer), romper (corromper, interromper,
irromper, prorromper)
e verter (converter, inverter,
perverter, reverter, subverter).
Ningún comentario:
Publicar un comentario