O artigo determinado presenta dous tipos de formas. Xunto á forma básica o, a, os, as, temos a chamada segunda forma: lo, la, los, las. Estas formas aparecen por asimilación tras -r ou -s. Aparecen sempre despois da preposición por (fun polo aire, vin polo vento) e do adverbio interrogativo *u (u-lo neno?). Nestes casos o seu uso na escrita é obrigatorio.
Ademais poden usarse de forma optativa na escrita cando seguen inmediatamente unha forma verbal acabada en -r ou -s (dixémo-la verdade) ou dos pronomes clíticos nos, vos e lles (déronlle-la benvida), despois dos pronomes tónicos nós e vós (nó-los dous), de ambos, ambas, entrambos, entrambas, todos e todas (tódalas rapazas), así como da preposición tras (escoitu trala porta) e da conxunción e mais (ti e mailo teu irmán). Hai que ter en conta que non é obrigatoria na escrita, sendo preferibles as formas plenas: dixemos a verdade, déronlles a benvida, nos os dous, todas as rapazas, escoitou tras a porta, etc. Na fala esta é a forma común, agás se hai unha pausa entre a primeira palabra e o artigo.
Na actualidade é habitual non representar a segunda forma do artigo, despois de anos en que parecía obrigatoria, sobre todo na escola. Agora ben, en caso de usar a segunda forma do artigo, é preciso gardar a coherencia na escrita, e sobre todo, deben desterrarse os erros que se ven ás veces nestas formas: *todo-los días (e moito menos *todo-lo día, totalmente inexistente) ou *collémolo coche.
Os artigos determinados aparecen tamén en contraccións con certas preposicións (a, con, de e por), e o seu uso é obrigatorio. No caso da preposición a existen dúas posibilidades: ó e ao, así como os plurais ós e aos. No feminino temos só á e ás. Neste caso é recomendable o uso de ao e aos, aínda que na pronuncia a única posibilidade é un o aberto: [ɔ], igual á de ó.
Blog do Equipo de Normalización Lingüística do CPI Curros Enríquez (Pazos de Borbén)
martes, 26 de novembro de 2013
domingo, 24 de novembro de 2013
IMOS AO CULTURGAL?
O próximo fin de semana temos unha cita en Pontevedra co Culturgal, a Feira das Industrias Culturais. Do venres 30 de novembro ao domingo 1 de decembro dáse cita o sector da cultura para presentar as súas propostas diante dos profesionais e do público. Consta dunha feira, cos seus stands e encontros profesionais, e dunha programación de actividades variadas: presentación de libros, teatro, cinema, música e espectáculos infantís.
Ah!, se ides en tren, podedes conseguir un desconto do 30% no billete. Só hai que entrar na páxina do Culturgal e informarse.
Ah!, se ides en tren, podedes conseguir un desconto do 30% no billete. Só hai que entrar na páxina do Culturgal e informarse.
NOVO DOMINIO .GAL EN INTERNET
A partir de 2014 as webs que empregan a lingua
galega poden acollerse ao dominio .gal, do mesmo xeito que existen .com ou .org.
O ICANN, a institución que xestiona os enderezos de internet, vai cumprir unha
xusta aspiración que a asociación puntoGAL viña reclamando desde 2006.
DÚBIDAS SOBRE AS CONXUGACIÓNS
Algúns
verbos galegos presentan alternancia vocálica nalgunhas formas e iso fai
dubidar moitas veces a algúns falantes. O problema acostuma darse no presente
de indicativo para os verbos da terceira conxugación. Hai que dicir que é moi
común e a maioría dos verbos non ofrece dúbidas, pero nalgúns verbos esa
alternancia é un pouco especial. É o caso de ferir, mentir, seguir, sentir e servir (e os
seus derivados). O presente de indicativo sería sigo, segues, segue, seguimos, seguides, seguen, mentres o imperativo sería sigue, seguide.
O mesmo
ocorre con moitos verbos que teñen u
na raíz, como subir: subo,
sobes, sobe, subimos, subides, soben en presente, e sube, subide en imperativo. Os que se conxugan
deste xeito son acudir, bulir (e rebulir), cubrir (descubrir, encubrir,
recubrir),
cumprir, cuspir, durmir, engulir,
fundir ‘render’,
fuxir,
lucir e
derivados (deslucir,
entrelucir, relucir, translucir, tremelucir), mulir, muxir, pulir, ruxir,
sacudir, subir, sufrir, sumir (consumir
e ensumir), tusir, ulir, urdir,
xunguir,
xurdir.
As
formas verbais con alternancia seguen vivas na fala, sobre todo nalgunhas
áreas, e podemos escoitar:
Que
ben ole esta flor!
Se
sobes por este camiño, chegas axiña.
Eses
rapaces non calan nin cando dormen.
Algúns
falantes senten estrañeza ao ver ou escoitar estas formas, ben pola influencia
do castelán, ben pola tendencia a conxugar os verbos da forma máis regular
posible, é dicir, a manter sempre unha mesma raíz en todas as formas. Así
escoitamos incluso novos infinitivos erróneos como *acoder ou *locer,
que se escoitan ás veces nalgúns medios de comunicación e que debemos
evitar.
Por último
hai que lembrar que pertencen á segunda conxugación verbos como caer (aínda
que se escoite moitas veces *caír), converxer, emerxer, encher,
erguer, esparexer, fender, ferver, premer (espremer), render, repeler, rexer,
toller e xemer.
Hai
que lembrar ademais que pertencen á segunda conxugación os seguintes verbos, e
sobre todo os seus derivados: bater (abater, combater, debater,
rebater),
correr (concorrer, decorrer,
discorrer, escorrer, incorrer, ocorrer, percorrer, recorrer, socorrer,
transcorrer), romper (corromper, interromper,
irromper, prorromper)
e verter (converter, inverter,
perverter, reverter, subverter).
domingo, 17 de novembro de 2013
PRONOMES REFLEXIVOS
Nas construcións reflexiva temos un suxeito e un
complemento directo o mesmo referente, é dicir, coinciden o suxeito e o
complemento directo: eu lávome, ti vísteste, ela peitéase. Este uso dos pronomes implica o suxeito no seu
conxunto, non é posible especificar unha parte ou un elemento parcial dese
suxeito: *eu lávome a cara, *ela peitéase a melena. É dicir, non
existen as construcións reflexivas indirectas, só as directas. Se temos dúbidas,
podemos comprobar que as construcións pronominais poden incrementarse coas
frases a min mesmo, a ti mesmo,
a
si mesmo, etc.: ti vísteste (a ti mesmo).
Outra cousa son os verbos pronominais, en que
o pronome de tipo reflexivo vén esixido polo verbo. Algúns verbos son sempre pronominais,
como queixarse:
Ti sempre te queixas de todo. Outros,
porén, presentan unha construción pronominal xunto a outras non pronominais, e ás veces cun significado diferenciado:
Dirixíanse á casa; Eu non me ocupo dos teus asuntos.
No galego existen menos casos de verbos pronominais ca
noutras linguas. Estes son algúns dos que non presentan construción pronominal: abrandar, adormecer, afrouxar, almorzar, apurar,
atrasar, baixar, caer, calar, cargar, casar, coller, comer, curar, deixar,
demorar, desfondar, desinchar, dislocar, enfermar, escapar, escordar, esperar,
espertar, estreitar, fracturar, inchar, incrementar, marchar, merendar, morrer,
parar, podrecer, quedar, rachar, rebentar, recordar, romper,sentar, sorrir,
terminar, tropezar, xogar...
Non diremos, pois, *durminme, senón adormecín, *escordeime o nocello, senón escordei o nocello, ou *xogueime a vida, senón xoguei a vida.
sábado, 16 de novembro de 2013
OLLOS DE AULA, REVISTA DA COORDINADORA GALEGA EDNL, XA NO Nº 10
Chega o novo número da revista Ollos de aula, feita por xente de diferentes ENDL que forman parte da coordinadora galega e está destinada a todos os membros da comunidade escolar.
DO ESTIGMA Á ESTIMA
Levamos 30 anos cunha Lei de Normalización
Lingüística, pero os prexuízos cara ao galego continúan vivos. Valentina
Formoso analiza no seu libro Do estigma á estima como valora a
mocidade a nosa lingua. O máis curioso é que nos contextos considerados
maioritariamente galegofalantes os prexuízos tamén existen. Un exemplo diso é o
rexeitamento ao uso da norma estándar, como se non fose o galego auténtico, ou
a identificación entre falar galego e ser nacionalista.
FALANDO GALEGO NO BIERZO
Dúas rapazas do Bierzo que explican a súa relación co galego. E resúmeno nunha frase: falamos galego porque sabemos!
SOPAS GALEGAS
Para xogar a sopas de letras no teu móbil e en
galego. Trátase dunha aplicación para android que podemos descargar de balde na Play Store.
Engade unha interesante ferramenta: se non sabemos o significado dunha palabra, podemos clicar nela e buscará o significado no Google, na Wikipedia ou no dicionario RAG.
Se queres saber máis sobre aplicacións en galego e novidades en telefonía móbil podes visitar Mallando no Android.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)