domingo, 17 de maio de 2015

Letras Galegas 2015: o polémico nomeamento de Filgueira Valverde

Para o ano 2015 a Real Academia Galega escolleu a figura de Xosé Filgueira Valverde para dedicarlle o día das Letras Galegas. Que se valorou nel? A súa mocidade intelectual no seo do Seminario de Estudos Galegos, aquel grupo de mozos investigadores que afrontaros a realidade galega desde a ciencia moderna; o seu labor de investigador e divulgador lingüístico e literario; e sobre todo, a obra da súa vida, o creación e dirección do Museo de Pontevedra.



De onde vén, xa que logo, a polémica? Seguramente do feito de ser autor dunha obra literaria menor, cando aínda non se lle dedicou o día das Letras a autores moito máis importantes. Mais, sobre todo, da súa traxectoria política.
O propio Filgueira definiuse sempre como galeguista de dereitas, na liña de Otero Pedrayo, co que garda certas semellanzas intelectuais. Con todo, algúns non perdoan o seu cargo de alcalde de Pontevedra durante o franquismo, despois da súa espantada no 36 tralo asasinato de Alexándre Bóveda.
Está claro que a Academia ten as súas escollas, e que esta non foi moi acertada. A frialdade coa que se acolleu a celebración dedicada a Filgueira é unha mostra diso.
Se houbese que destacar algo na obra literaria deste autor, habería que falar da narrativa de Quintana viva e dos seus poemas neotrobadoristas, recollidos en 6 canciones de mar in modo antico. Eis unha mostra:

Nosa Señora da Barca
eu ben a vin no sol posto;
ten unha rosa na man,
outra na mazán do rostro.
Nosa Señora da Barca
eu ben a vin no sol novo;
ten unha estrela no mar,
outra dormida no colo.
Ten unha rosa na man,
outra na mazán do rostro.
Nosa Señora da Barca,
vinde vela no sol posto!
Ten unha estrela no mar
outra dormida no colo,
Nosa Señora da Barca,
vinde vela no sol novo!

A erudición marca incluso a súa obra literaria, o que a afasta dos posibles lectores no ámbito escolar, lugar de privilexio do día das Letras.

Ningún comentario:

Publicar un comentario