luns, 24 de febreiro de 2014

MÁIS CONTRACCIÓNS

Xa vimos, hai certo tempo, as contraccións de preposición mais artigo. Con todo, hai algunhas máis que debemos coñecer, e ímolo facer aproveitando que estamos repasando iso nas aulas de 3º de ESO.

En xeral, podemos dicir que as contraccións son obrigatorias. Con todo, temos algunhas que non o son. É o caso das que se fan coa conxunción comparativa ca mais os artigos. Así temos: , , cás e cós:
               A túa filla é máis alta cá miña
               Comprei un coche mellor có que tiña

Estas contraccións poden substituírse polas formas plenas (ca a, ca o, ca as, ca os):
               O rapaz é máis ruín ca o demo
               Gústanlle máis os dados ca as cartas

Hai aínda máis contraccións. As preposicións de e en contraen cos demostrativos e con algúns indefinidos:

DE
deste
desta
destes
destas
disto
dese
desa
deses
desas
diso
daquel
daquela
daqueles
daquelas
daquilo
EN
neste
nesta
nestes
nestas
nisto
nese
nesa
neses
nesas
niso
naquel
naquela
naqueles
naquelas
naquilo

DE
dalgún
dalgunha
dalgúns
dalgunhas
EN
nalgún
nalgunha
nalgúns
nalgunhas

               Ponte desta parte, que desa non te escoito
               Naquela época tería uns vinte anos
               Nisto empezou a chover e tivemos que irnos
               Temos que falar dalgunhas cousas que che interesan
               Creo que xa nos vimos nalgún sitio

Ningún comentario:

Publicar un comentario