luns, 24 de febreiro de 2014

SENÓN ou SE NON?

Debemos diferenciar entre estas formas, xa que poden dar lugar a confusión.

A forma senón é unha conxunción adversativa (equivale a pero) que se emprega como contraposición dunha oración negativa:
               Non vou ir en avión, senón en tren (= pero vou en tren)
               Hoxe non temos carne, senón peixe (= pero temos peixe)

Esta partícula pode ter valor comparativo, equivalente a máis que, ou preposicional, equivalente a agás                   
               Non fas outra cousa senón protestar

Por outra parte temos a conxunción se mais a negación non. Introduce unha condicional negativa:
               Se non vés axiña, marcho eu só
               Leva cartos, se non, como vas facer a compra? (= se non levas cartos)


MÁIS CONTRACCIÓNS

Xa vimos, hai certo tempo, as contraccións de preposición mais artigo. Con todo, hai algunhas máis que debemos coñecer, e ímolo facer aproveitando que estamos repasando iso nas aulas de 3º de ESO.

En xeral, podemos dicir que as contraccións son obrigatorias. Con todo, temos algunhas que non o son. É o caso das que se fan coa conxunción comparativa ca mais os artigos. Así temos: , , cás e cós:
               A túa filla é máis alta cá miña
               Comprei un coche mellor có que tiña

Estas contraccións poden substituírse polas formas plenas (ca a, ca o, ca as, ca os):
               O rapaz é máis ruín ca o demo
               Gústanlle máis os dados ca as cartas

Hai aínda máis contraccións. As preposicións de e en contraen cos demostrativos e con algúns indefinidos:

DE
deste
desta
destes
destas
disto
dese
desa
deses
desas
diso
daquel
daquela
daqueles
daquelas
daquilo
EN
neste
nesta
nestes
nestas
nisto
nese
nesa
neses
nesas
niso
naquel
naquela
naqueles
naquelas
naquilo

DE
dalgún
dalgunha
dalgúns
dalgunhas
EN
nalgún
nalgunha
nalgúns
nalgunhas

               Ponte desta parte, que desa non te escoito
               Naquela época tería uns vinte anos
               Nisto empezou a chover e tivemos que irnos
               Temos que falar dalgunhas cousas que che interesan
               Creo que xa nos vimos nalgún sitio

DÍA DE ROSALÍA

Hoxe, 24 de febreiro, celebramos o día de Rosalía. Nacera tal día coma hoxe de 1837 e desde hai un anos vense lembrando nesta data a poeta máis fundamental da nosa literatura, a máis popular e quizais tamén a peor coñecida.

A súa poesía presenta unha actitude radical cando reivindica a nosa lingua e a nosa terra, ou cando denuncia as o atraso económico de Galicia, que provoca a emigración, a ruptura das familias e o empobrecemento do país.

En Follas Novas (1880), Rosalía inclúe un longo poema dedicado a unha lacra que desangrou Galicia durante anos, a emigración. E faino centrándose nas persoas, nos que emigran e nos que quedan, sobre todo as mulleres e os rapaces.

O poema titúlase "Prá Habana" e moitos dos seus versos parecen escritos na actualidade, tal como se mostra neste fragmento:


¡Pra a Habana!


I

Vendéronlle os bois,
vendéronlle as vacas,
o pote do caldo
i a manta da cama.
Vendéronlle o carro
i as leiras que tiña;
deixárono sóio
coa roupa vestida.
"María, eu son mozo,
pedir non me é dado;
eu vou polo mundo
pra ver de ganalo.
Galicia está probe,
i á Habana me vou...
¡Adiós, adiós, prendas
do meu corazón!"



Eis a versión musical realizada por Amancio Prada: