martes, 7 de xaneiro de 2014

A MATERIA DOS SOÑOS, E DO SONO

O sono e o soño non son o mesmo, aínda que están moi relacionados. Despois dun día de traballo, esgotados, deitámonos con ganas de durmir, ou o que é o mesmo, con sono. Adormecemos por fin,  quizais despois de bocexar durante un rato e, se o sono é plácido, gozaremos de belos soños, é dicir, de belas imaxes que pasan pola nosa mente mentres durmimos. Aínda que para isto algúns non necesitan durmir.


Ano Xosé María Díaz Castro



Comeza o 2014 cos ceos desfacéndose en chuvia e o mar castigando as rochas para levar consigo parte de nós. Esta parece unha imaxe tópica da Galicia da chuvia, sempre verde, das perdas sen remediao. Aínda existe esa Galicia eterna? Será que seguimos a escoitar a chuva envoltos nas sabas do sono, a durmir, como xa dixera Añón?



Sobre esa Galicia eterna, inamovible, reflexionou o poeta Díaz Castro no seu libro Nimbos, e sobre todo, no máis famoso dos seus poemas, "Penélope":

Un paso adiante e outro atrás, Galiza,
e a tea dos teus soños non se move.
A espranza nos teus ollos se espreguiza.
Aran os bois e chove.

Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol coma unha uva.
Pro ti envólveste en sabas de mil anos,
e en sonos volves a escoitar a chuva.

Traguerán os camiños algún día
 a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, ¡ Xesús María!,
e toda cousa ha de pagar seu desmo.

Desorballando os prados como sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.

¡ Un paso adiante e outro atrás, Galiza!

Este poema e outros pódense consultar en http://www.poetadiazcastro.com/, a páxina creada pola asociación Xermolos para difundir a figura e a obra de Díaz Castro. Contén a biografía do autor, textos, fotografías e comentarios sobre a obra, que resultan de enorme interese.