martes, 25 de novembro de 2014

A literatura galega no cinema

Neste días celébrase o 25º aniversario do cinema galego. É un dicir, 25 foron os anos que pasaron desde a estrea das tres primeiras longametraxes en galego: Sempre Xonxa, Urxa e Continental. Realmente xa existía un cinema en galego anterior. Aí están curtas famosas como Mamasunción ou O pai de Migueliño.
Este aniversario coincide coa estrea d'A Esmorga, e todo isto lévanos a lembrar a relación entre literatura e cinema. Son varias as obras literarias levadas ao cine no noso país. Seguro que todo o mundo lembra o éxito d'A lingua das bolboretas e O lapis do carpinteiro, baseadas nas obras de Manuel Rivas. Tamén se levou ao cine Trece badaladas, de Suso de Toro, e Romasanta, de Alfredo Conde. Máis recentemente chegaron ata nós a adaptación do Sinbad de Cunqueiro, Doentes, versión da obra teatral de Roberto Vidal Bolaño, e O Club da calceta, inspirada na obra de María Reimóndez, que ten sementado grandes éxitos entre o noso alumnado de 4º de ESO.
Dándolle voltas ao tema, chegamos á conclusión de se bota en falta unha maior presenza da nosa literatura no cinema. E cales son as obras que se poderían adaptar. Seguro que hai moitas, e incluso algún organismo público ten feito listaxes de obras que se poderían adaptar. Nós imos propor modestamente só algunhas.
Para comezar, Os camiños da vida, de Otero Pedrayo. Reúne tantos temas que se poderían facer múltiples adaptacións: transformación social, decadencia persoal e de clase, paisaxe, guerra e evolución cultural e ideolóxica.



Saltando no tempo, chegamos a Blanco-Amor, outra vez, co seu Xente ao lonxe: relato de aprendizaxe, movemento obreiro, renovación pedagóxica, agrarismo, compromiso de clase, etc.
E xa na actualidade, algunhas obras de Antón Riveiro Coello (Casas baratas, As rulas de Bakunin ou incluso un relato tan especial como A canción de Sálvora), Anxos Sumai (Así nacen as baleas) ou Xosé Miranda (Morning Star e tamén Pel de lobo).
Desde logo que hai moitos máis, cales propoñedes vós? 

A Esmorga nos cinemas

O pasado venres 21 estreouse comercialmente o filme baseado na novela A Esmorga de Eduardo Blanco-Amor, un dos cumios da nosa literatura. Seica a cousa foi bastante ben. Unhas cincuenta copias en toda Galicia, e en galego, claro. O público respondeu: máis de oito mil espectadores convertérona no segundo filme máis visto de media en España, tendo en conta que só se proxectou en Galicia.
Isto actualmente é noticia, unha boa noticia, pero agardamos que se convirta en algo tan normal que só teñamos que opinar sobre as bondades da película. E parece que promete. Foi dirixida por Ignacio Vilar (director de Pradolongo Vilamor) e os protagonistas son Antonio Durán "Morris", Miguel de Lira e Karra Elejalde. Nada que ver coa versión que se fixera en castelán, dirixida por Gonzalo Suárez, co título de La Parranda. Esa versión transformaba de tal maneira a historia que perdía a súa esencia.


martes, 28 de outubro de 2014

Videoxogo de Mucha e Nucha

Acaba de saír un videoxogo en galego, protagonizado polas famosas fillas da Conexa. Chámase A invasión de Ardebullo e pódese descargar gratuitamente en Google Play para os móbiles e dispositivos Android. O xogo é bastante simpático e trátase basicamente de matar galiñas zombis, xa que hai un exército radioactivo que quere acabar con Ardebullo. O mellor son os comentarios que aparecen cando fallas ou acertas. Foi realizado por Ficción Producciones  en colaboración coa TVG.


venres, 17 de outubro de 2014

Volver

Aínda que sexa tarde e un pouco a rastro, esperemos que sexa para ben. Así recomezamos a actividade do EDL, xa metidos plenamente no outono. Neste novo curso procuraremos ampliar a información do blog e aclarar dúbidas sobre a nosa lingua.

domingo, 18 de maio de 2014

HOMENAXE A XOSÉ MARÍA DÍAZ CASTRO

Letras Galegas e Centenario de Xosé María Díaz Castro. O alumnado de 3º e 4º de ESO gravou un vídeo recitando o poema "Penélope", do libro Nimbos.


luns, 24 de febreiro de 2014

SENÓN ou SE NON?

Debemos diferenciar entre estas formas, xa que poden dar lugar a confusión.

A forma senón é unha conxunción adversativa (equivale a pero) que se emprega como contraposición dunha oración negativa:
               Non vou ir en avión, senón en tren (= pero vou en tren)
               Hoxe non temos carne, senón peixe (= pero temos peixe)

Esta partícula pode ter valor comparativo, equivalente a máis que, ou preposicional, equivalente a agás                   
               Non fas outra cousa senón protestar

Por outra parte temos a conxunción se mais a negación non. Introduce unha condicional negativa:
               Se non vés axiña, marcho eu só
               Leva cartos, se non, como vas facer a compra? (= se non levas cartos)


MÁIS CONTRACCIÓNS

Xa vimos, hai certo tempo, as contraccións de preposición mais artigo. Con todo, hai algunhas máis que debemos coñecer, e ímolo facer aproveitando que estamos repasando iso nas aulas de 3º de ESO.

En xeral, podemos dicir que as contraccións son obrigatorias. Con todo, temos algunhas que non o son. É o caso das que se fan coa conxunción comparativa ca mais os artigos. Así temos: , , cás e cós:
               A túa filla é máis alta cá miña
               Comprei un coche mellor có que tiña

Estas contraccións poden substituírse polas formas plenas (ca a, ca o, ca as, ca os):
               O rapaz é máis ruín ca o demo
               Gústanlle máis os dados ca as cartas

Hai aínda máis contraccións. As preposicións de e en contraen cos demostrativos e con algúns indefinidos:

DE
deste
desta
destes
destas
disto
dese
desa
deses
desas
diso
daquel
daquela
daqueles
daquelas
daquilo
EN
neste
nesta
nestes
nestas
nisto
nese
nesa
neses
nesas
niso
naquel
naquela
naqueles
naquelas
naquilo

DE
dalgún
dalgunha
dalgúns
dalgunhas
EN
nalgún
nalgunha
nalgúns
nalgunhas

               Ponte desta parte, que desa non te escoito
               Naquela época tería uns vinte anos
               Nisto empezou a chover e tivemos que irnos
               Temos que falar dalgunhas cousas que che interesan
               Creo que xa nos vimos nalgún sitio