domingo, 24 de novembro de 2013

NOVO DOMINIO .GAL EN INTERNET

A partir de 2014 as webs que empregan a lingua galega poden acollerse ao dominio .gal, do mesmo xeito que existen .com ou .org. O ICANN, a institución que xestiona os enderezos de internet, vai cumprir unha xusta aspiración que a asociación puntoGAL viña reclamando desde 2006.

Puntogal

DÚBIDAS SOBRE AS CONXUGACIÓNS

Algúns verbos galegos presentan alternancia vocálica nalgunhas formas e iso fai dubidar moitas veces a algúns falantes. O problema acostuma darse no presente de indicativo para os verbos da terceira conxugación. Hai que dicir que é moi común e a maioría dos verbos non ofrece dúbidas, pero nalgúns verbos esa alternancia é un pouco especial. É o caso de ferir, mentir, seguir, sentir e servir (e os seus derivados). O presente de indicativo sería sigo, segues, segue, seguimos, seguides, seguen, mentres o imperativo sería sigue, seguide.

O mesmo ocorre con moitos verbos que teñen u na raíz, como subir: subo, sobes, sobe, subimos, subides, soben en presente, e sube, subide en imperativo. Os que se conxugan deste xeito son acudir, bulir (e rebulir), cubrir (descubrir, encubrir, recubrir), cumprir, cuspir, durmir, engulir, fundir ‘render’, fuxir, lucir e derivados (deslucir, entrelucir, relucir, translucir, tremelucir), mulir, muxir, pulir, ruxir, sacudir, subir, sufrir, sumir (consumir e ensumir), tusir, ulir, urdir, xunguir, xurdir.

As formas verbais con alternancia seguen vivas na fala, sobre todo nalgunhas áreas, e podemos escoitar:
             Que ben ole esta flor!
             Se sobes por este camiño, chegas axiña.
             Eses rapaces non calan nin cando dormen.



Algúns falantes senten estrañeza ao ver ou escoitar estas formas, ben pola influencia do castelán, ben pola tendencia a conxugar os verbos da forma máis regular posible, é dicir, a manter sempre unha mesma raíz en todas as formas. Así escoitamos incluso novos infinitivos erróneos como *acoder ou *locer, que se escoitan ás veces nalgúns medios de comunicación e que debemos evitar.

Por último hai que lembrar que pertencen á segunda conxugación verbos como caer (aínda que se escoite moitas veces *caír), converxer, emerxer, encher, erguer, esparexer, fender, ferver, premer (espremer), render, repeler, rexer, toller e xemer.

Hai que lembrar ademais que pertencen á segunda conxugación os seguintes verbos, e sobre todo os seus derivados: bater (abater, combater, debater, rebater), correr (concorrer, decorrer, discorrer, escorrer, incorrer, ocorrer, percorrer, recorrer, socorrer, transcorrer), romper (corromper, interromper, irromper, prorromper) e verter (converter, inverter, perverter, reverter, subverter).


domingo, 17 de novembro de 2013

PRONOMES REFLEXIVOS

Nas construcións reflexiva temos un suxeito e un complemento directo o mesmo referente, é dicir, coinciden o suxeito e o complemento directo: eu lávome, ti vísteste, ela peitéase. Este uso dos pronomes implica o suxeito no seu conxunto, non é posible especificar unha parte ou un elemento parcial dese suxeito: *eu lávome a cara, *ela peitéase a melena. É dicir, non existen as construcións reflexivas indirectas, só as directas. Se temos dúbidas, podemos comprobar que as construcións pronominais poden incrementarse coas frases a min mesmo, a ti mesmo, a si mesmo, etc.: ti vísteste (a ti mesmo).



Outra cousa son os verbos pronominais, en que o pronome de tipo reflexivo vén esixido polo verbo. Algúns verbos son sempre pronominais, como queixarse: Ti sempre te queixas de todo. Outros, porén, presentan unha construción pronominal xunto a outras non  pronominais, e ás veces cun significado diferenciado: Dirixíanse á casa; Eu non me ocupo dos teus asuntos.

No galego existen menos casos de verbos pronominais ca noutras linguas. Estes son algúns dos que non presentan construción pronominal: abrandar, adormecer, afrouxar, almorzar, apurar, atrasar, baixar, caer, calar, cargar, casar, coller, comer, curar, deixar, demorar, desfondar, desinchar, dislocar, enfermar, escapar, escordar, esperar, espertar, estreitar, fracturar, inchar, incrementar, marchar, merendar, morrer, parar, podrecer, quedar, rachar, rebentar, recordar, romper,sentar, sorrir, terminar, tropezar, xogar...

Non diremos, pois, *durminme, senón adormecín, *escordeime o nocello, senón escordei o nocello, ou *xogueime a vida, senón xoguei a vida.

De calquera xeito, algúns deses verbos poden ter unha construción pronominal cambiando o seu significado. É o caso do verbo quedar. Na forma pronominal significa “morrer, quedar sen sentido”: A pobriña quedouse coma un paxariño.

sábado, 16 de novembro de 2013

OLLOS DE AULA, REVISTA DA COORDINADORA GALEGA EDNL, XA NO Nº 10

Chega o novo número da revista Ollos de aula, feita por xente de diferentes ENDL que forman parte da coordinadora galega e está destinada a todos os membros da comunidade escolar. 



DO ESTIGMA Á ESTIMA

Levamos 30 anos cunha Lei de Normalización Lingüística, pero os prexuízos cara ao galego continúan vivos. Valentina Formoso analiza no seu libro Do estigma á estima como valora a mocidade a nosa lingua. O máis curioso é que nos contextos considerados maioritariamente galegofalantes os prexuízos tamén existen. Un exemplo diso é o rexeitamento ao uso da norma estándar, como se non fose o galego auténtico, ou a identificación entre falar galego e ser nacionalista.


FALANDO GALEGO NO BIERZO

Dúas rapazas do Bierzo que explican a súa relación co galego. E resúmeno nunha frase: falamos galego porque sabemos!


SOPAS GALEGAS

Para xogar a sopas de letras no teu móbil e en galego. Trátase dunha aplicación para android que podemos descargar de balde na Play Store.


Engade unha interesante ferramenta: se non sabemos o significado dunha palabra, podemos clicar nela e buscará o significado no Google, na Wikipedia ou no dicionario RAG.
Se queres saber máis sobre aplicacións en galego e novidades en telefonía móbil podes visitar Mallando no Android.